Estatutos

Estatutos

ESTATUTOS DENOMINACIÓN, ÁMBITO E DOMICILIO

TITULO I: DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Art.-1º Está constituída no Concello de Lugo, unha Asociación que se denomina: "Asociación de Pais de Alumnos do colexio San Xosé", e que se rexe pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

Art.-2º Son fins e actividades da Asociación:

a) Promover a formación integral dos alumnos do centro, en colaboración e coordinación con todos os demais membros da comunidade educativa.
b)
Colaborar co centro en orden a un mellor cumprimento dos seus fins.
c)
Defender os dereitos da familia, e en concreto, o dereito dos pais no que concerne á educación e formación dos fillos.
d)
Cooperar co resto da comunidade educativa para a súa transformación nunha auténtica comunidade cristiá.
e)
Fomentar e procurar a formación dos asociados en orden ó cumprimento da súa misión de pais e educadores.
f)
Promover a cooperación, axuda e asistencia social entre tódolos membros da Comunidade Educativa.
g)
Promover a participación dos pais dos alumnos no exercicio do seudereito a intervir no control do centro.
h)
Facilitar a representación e a participación dos pais dos alumnos no consello escolar do centro.
i)
A Asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.

Art.-3° O domicilio da asociación establécese en Lugo, C/ Santiago, N° 2.

Art.-4º A asociación desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial da provincia de Lugo, a súa duración será indefinida esolo disolverase, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ó efecto e por calquera das causas previstas nas leis así como por sentencia xudicial firme.

Art.-5º A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpreta-los preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.

Art.-6° A Asociación de pais do colexio "San Xosé" de Lugo, ó amparo do principio de liberdade relixiosa, constitúese como Asociación Católica e como tal asume e promove a doctrina da igrexa.

Art.-7° O ideario educativo do colexio, que informa os fins da asociación, será respetadopor esta.

Art.-8° Para a consecución dos fins a Asociación realizará as actividades de tipo cultural, recreativo, deportivo, formativo, que considere pertinentes.

TITULO II: DOS ORGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

Art.-9º A dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva ea Asemblea Xeral.

Art.-10º O Presidente da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

Art.-11º A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposición e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por un Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiroe oito vocais. Solo poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos dereitos civís e non estean incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.

Art.-12° Os cargos que compoñen a Xunta Directiva elixiranse por Asemblea Xeral, entre tódalas candidaturas que se presenten, resultando elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras un previo proceso no que se fará a presentación de cada unha delas e do seu programa degoberno pola persoa que as encabece. En todo caso nas candidaturas presentadas á Xunta Directiva deberánestar perfectamente determinados e distribuídos os distintos cargos da mesma entre os seus integrantes. Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de 4 anos, renovándose por metade cada dous anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección. No caso de vacante dalgún dos cargos e, en todos caso, non no previsto ó respecto destes Estatutos, a Xunta Directiva poderá nomear provisionalmente á persoa que estime axeitada, ata a nova elección de cargos. Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por expiración demandato, por incumprimento das obrigas que teñan encomendadas ou por renuncia voluntaria comunicada por escrito á xunta directiva. Os cargos da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o cal foron elixidos continuarán ostentando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación daqueles asociados que os substitúan.

Art.-13° Os membros da Xunta Directiva non percibirán retribución polo cargo desempeñado.

Art.-14° É función da Xunta Directiva, programar e dirixi-las actividades sociais e leva-la xestión administrativa e económica da Asociación, someter a aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de gastos e ingresos, así como o estado de contas do ano anterior.

Art.-15° A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de polo menos tres dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente, se o houbese, e a falta de ámbolos dous, polo membro da Xunta Directiva de máis idade. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo precisa a concorrencia , polo menos, da metade máis un dos seus membros, incluídos o Presidente e o Secretario ou quen estatutariamente os substitúan. Das sesións o Secretario, levantará acta que se transcribirá ó libro de Actas.

Art.-16° Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a propia Xunta  acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de demandar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas Comisións o número de Vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.

Art.-17° O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no art.- 10° as seguintes atribucións:

a) Convocar e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a AsembleaXeral, dirixi-las deliberacións de unha e outra, decidindo con voto decalidade no caso de empate.
b
) Propoñe-lo plan de actividades da Asociacióná Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
c
) Ordena-los pagamentos acordados validamente.
d)
O Presidente estará asistido polo Vicepresidente, se o houbese, que ademais o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Art.-18° O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de Rexistro de Socios e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.

Art.-19° O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimentos ás ordes de pagamento que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior,que deben ser presentadas á Xunta Directiva, para que esta a súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.

Art.-20° Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva, terá os deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a propia Xunta lles encomende. Incumbirá de maneira concreta ó Secretario velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade, expedindo certificacións das actas e dos acordos tomados polos órganos degoberno e representación ca visto e prace do Presidente e facendo que cursen á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais, formalización do estado de contas e aprobación dos presupostos anuais.

Art.-21° A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna, e que reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou polo que acorde a décima parte dos asociados. Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria, polo menos unha vez ó ano, no primeiro trimestre do curso, para aproba-lo plan xeral de actuación da Asociación, censura-la xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ó ano anterior e cantas outras cuestións se sometan a votación no capítulo de rogos e preguntas.

Art.-22° A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva, con carácter extraordinario, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ó 10% , e en todo caso para a modificación dos Estatutos, así como para elixi-los membros da Xunta Directiva, disposición ou alleamento de bens, determinación das retribucións dos membros da Xunta Directiva, disolución da Asociación, expulsión de Asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do regulamento de réxime interno da Asociación e a solicitude de Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración nelas.

Art.-23° As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora de reunión, así como a orde do día. Entre a primeira convocatoria e o día de reunión deberán mediar polo menos quince días naturais; a segunda convocatoria realizarase media hora máis tarde da primeira. Así mesmo, incluiranse na orde do día das convocatorias aqueles asuntos propostos por un número de asociados non inferior o 10% que as presentarán perante o Secretario da Xunta Directiva cunha antelación mínima de sete días á celebración das sesións das Asembleas Xerais.

Art.-24° As Asembleas Xerais Ordinarias ou Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados, e en segunda convocatoria cando asistan a décima parte dos mesmos.

Art.-25° Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen ós negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos, disposición ou alleamento de bens e remuneración dos membros do órgano de representación. A efectos da votación, os pais ou titores, terán un voto so independente do número de fillos matriculados no centro. As representacións dos asociados haberanse de outorgar por escrito e a favor doutro membro da Asociación. Ningún asociado poderá ostentar máis decinco representacións.

Art.-26° A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión, sobre situacións non contempladas nestes estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentese non estean en contradición coa Lei vixente reguladora do dereito de asociación e demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

Art.-27° Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Art.-28° A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

TITULO III: DOS ASOCIADOS, DEREITOS E OBRIGAS

Art.-29° Poderán ser membros da Asociación, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, a cal poderá outorga-lo nomeamento de membro honorario ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado. As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito. Os menores non emancipados de máis decatorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector.

Art.-30° Aquelas persoas que desexen pertencer a Asociación, solicitarano por escrito ó Presidente, o cal dará con a Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou inadmisión do asociado con recurso perante a Asemblea Xeral.

Art.-31° Os asociados poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lles eximirá de satisface-las obrigas que teñan pendentes con ela.
A calidade de socio perderase:
a)
Cando os fillos ou pupilos deixen de estar matriculados no Centro.
b)
Por incumprimento das obrigas contidas no presente Estatuto. O acordo, adoptado pola Xunta Directiva, poderá ser recorrido ante a Asemblea Xeral, por escrito dirixido ó Presidente da Asociación de forma fehacente e no prazo de quince días naturais dende a notificación do mesmo.
c)
Por falta inxustificada de abono de cotas, derramas e demais aportaciónsestablecidas por Asemblea Xeral.

    A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, así como calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. Este acordo en todo caso deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer perante xurisdición ordinaria.

    Art.-32° Os asociados terán os seguintes dereitos:

    a) Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para tódolos asociados.
    b) Gozar de tódalas vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.
    c)
    Asistir e exercita-lo dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais. En todo caso cada asociado que sexa persoa xurídica terá dereito a un solo voto.
    d)
    Ser nomeado membro da Xunta Directiva, na forma que prevén os Estatutos.
    e)
    Posuír exemplar destes Estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
    f)
    Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da Asociación.
    g)
    Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación tódolos anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
    h)
    A impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei e ós Estatutos.

      Art.-33° Os asociados poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxi-los presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou a propia Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos seus dereitos durante un mes, ata a separación definitiva da asociación.
      Serán obrigas de tódolos asociados:
      a) Comparti-las finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
      b) Observar unha boa conducta individual e cívica.
      c) Acata-los presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.
      d) Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.
      e) Cumpri-lo resto de obrigas que resulten destes Estatutos.

        TITULO IV: DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

        Art.-35° A Asociación carece de patrimonio e o seu presuposto anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a principios de ano po la Asemblea Xeral.

        Art.-36° A data de peche do exercicio económico da Asociación será a do primeiro trimestre do ano coincidindo coa Asemblea Xeral, polo que deberán ser postas previamente a disposición dos asociados durante un prazo non inferior os 15 días ó sinalado para a celebración da referida Asemblea Xeral.
        Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes:
        a) As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.
        b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
        c) Os produtos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como assubvencións, legados e doazóns que poda recibir de forma legal.
        d) Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercicio deactividades económicas lícitas que acorde realiza-la Asociación, incluídas as prestacións de servicios, deberán destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins estatutarios.

          Art.-38° A administración dos fondos da Asociación, levarase a cabo, sometida á correspondente información e intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que tódolos asociados podan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos.

          Art.-39° No caso dedisolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución; nomeará unha Comisión Liquidadora, composta por cinco membros, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbera, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída, con domicilio nesta provincia, que se dediquen a iguais, ou no seu defecto a análogos fins, que esta asociación ou unha entidade benéfica. Así mesmo, no caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedemento concursar perante o xuíz competente. Estes estatutos foron modificados para adaptalos ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de Marzo, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada ó efecto o 10 de Maio de 2004. Visto e Prace

          O PRESIDENTE O SECRETARIO. 
          VISADO:
          Por resolución desta delegación provincial, de data 01/0212005, acordouse o  sellado e visado dos presentes estatutos da denominada "ASOCIACIÓN DE PAIS DE ALUMNOS DO COLEXIO SAN XOSÉ" de LUGO, adaptados á LO 1/2002 por acordo da asemblea xeral extraordinaria celebrada ó efecto o día 10/05/2004. A referida asociación encóntrase inscrita no rexistro provincial de asociacións co número 142 da sección primeira.

          Lugo, 01/02/2005 O DELEGADO PROVINCIAL.